07 abril 2025

Semana do libro

 Co gallo da celebración da semana do libro, dende o equipo de biblioteca quixemos darlle un protagonismo especial a unha selección de obras literarias que quedaron fóra deste espazo logo do traballo de expurgo realizado o curso pasado. Desbotar un libro non é tarefa doada, foron meses de moito traballo e de moitas dúbidas; todos teñen algo especial, algo diferente, algo con significado para cada un/unha de nós... de aí que, aínda que deixaran de formar parte do novo espazo da biblioteca, dalgún xeito pretendésemos darlles unha nova "vida".

A través deste marcapáxinas, todos e todas pasaremos a posuír un pequeno tesouro, con moita historia, da biblioteca do Cruceiro de Canido. Esperamos que vos serva para continuar gozando de miles de historias máis!

Historias coma as que foron contadas a través dos apadriñamentos e amadriñamentos lectores. Convertemos o espazo do centro en pequenos recantos nos que o alumnado de 3º a 6º de Educación Primaria, exercendo de contacontos, compartiu o seu conto favorito cos máis pequenos/as. 

Estade atentos/as á páxina web do centro onde publicaremos unha pequena montaxe audiovisual  para compartir tamén todos eses momentos con todos e todas vós.

13 marzo 2025

Poemas voadores

 O 21 de marzo, o CEIP Cruceiro de Canido fai voar a poesía!


A UNESCO adoptou, por primeira vez, como Día Mundial da Poesía o 21 de marzo do ano 1999 cos obxectivos de apoiar a diversidade lingüística e fomentar a visibilización daquelas linguas que se atopaban en perigo. Este último obxectivo foi unha das razóns polas que decidimos sumarnos á celebración deste día no Cruceiro de Canido, dándolle visibilidade e protagonismo á nosa lingua, xa que é a primeira vez, en 13 séculos, que o galego xa non é a lingua máis falada en Galicia.

A actividade que se propón, dende os equipos de dinamización da lingua galega e da biblioteca, consiste en seleccionar os poemas que máis nos gusten (aproveitando o novo espazo da biblio) e escribilos nunha folla de papel facendo referencia ao autor e ao libro onde os atopamos. Con esta folla, elaboraremos un avión de papel que cada neno/a poderá levar á súa casa para facelo voar ou pousalo nun recanto especial da súa contorna.

Con esta iniciativa, procuramos romper cos espazos tradicionais da poesía, sacándoa á rúa e levándoa directamente á nosa comunidade, achegándoa así á vida cotiá das persoas e facéndoa accesíbel para todos e todas. Por todo isto, pedímosvos que, se atopades un destes "poemas voadores", vos sumedes a este proxecto léndoo, recitándoo, sentíndoo e que vos emocionedes e gocedes con eles.

Para concluír a actividade, pedímosvos unha cousiña máis: que compartades con nós ese momento tan especial no que atopastes ese avión facéndovos unha foto con el; sentirémonos moi felices coñecendo a viaxe dos nosos poemas. Podedes enviala ao correo da biblio: biblioteca.cruceirodecanido@gmail.com

Xa por último, sen esquecer a importancia de ser respectuosos/as co medio ambiente, se atopades un avión, conservádeo como recordo ou desbotalo ao colector azul máis próximo.

Moitas grazas pola vosa colaboración!

19 febreiro 2025

Propostas lectoras

 


Xa tedes dispoñible, premendo neste logo situado no bloque lateral esquerdo, un formulario no que podedes deixar as vosas propostas de lectura para a nosa biblioteca. Xunto ás vosas propostas, lembrade engadir o maior número de datos posible (título, autor/a, editorial, idioma... ) e o voso curso.

Ademais desta opción, tamén podedes facelo na propia biblioteca, deixando escritas as vosas propostas na caixa de suxestións situada á entrada da mesma.



05 febreiro 2025

Comezamos!

 

 

Logo destes dous días de inauguración, abrimos as portas da biblio para toda a comunidade educativa do Cruceiro. Comeza o seu funcionamento en horario de mañá (tanto para o servizo de préstamo nos recreos como para o desenvolvemento de actividades de aula) e de tarde (luns, mércores e xoves de 16h a 17:30h, para o servizo de préstamo).


Nestes dous días, todos os nenos/as e mestres/as baixaron á biblio para recibir a "CHAVE" que axudará a abrir as portas da súa imaxinación, o seu carné de usuario. No mesmo, podedes atopar un QR que enlaza directamente ao noso blogue.

Para comezar, tedes información de interese na cabeceira do blogue: horarios, normas, a clasificación segundo a CDU, as etiquetas dos libros e o seu significado... e moita máis que iremos subindo para compartir con todos e todas vós esta nova andaina.

Comezamos!

03 febreiro 2025

Chegou o día!


E por fin... chegou o día!

Nestes últimos tempos a biblioteca do colexio estivo pechada por distintos motivos. Durante o pasado curso, o equipo comezou de cero para crear un novo espazo que formase unha parte activa do centro. Foi un ano moi intenso no que se adicaron moitas horas organizando libros, catalogando, etiquetando, distribuindo material... de xeito que, ás veces, parecíanos que non o iamos conseguir! Traballamos con moita ilusión e ganas para chegar ata aquí: un novo comezo e esta apertura para que todo o colexio poidamos gozar deste espazo.

A inauguración será ao longo dos días martes 4 e mércores 5 de febreiro, onde cada grupo, que xa estivo visitando a biblioteca durante a semana pasada cos seus titores/as, irá de novo para recibir un pequeno agasallo. A partir de entón, comezaremos xuntos/as esta nova andaina na que ler, traballar, aprender, compartir e participar das distintas actividades.

Estade moi atentos/as ao blogue onde publicaremos horarios, normas, avisos e todas as novidades!

Moitísimas grazas pola vosa paciencia e agardamos de verdade que vos divirtades moito aprendendo na biblio do cole!

O equipo de biblioteca